Friday 17 de May de 2024

O Concello de Ordes e a Deputación da Coruña asinan o convenio de acondicionamento do pavillón Campomaior


O proxecto orzaméntase en 258.540 € e suporá a súa modernización e a adición dun novo ximnasio. Tamén se confirma a construción dunha senda peonil de máis dun quilómetro na zona do Mesón do Vento

Jose Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, asinou na Deputación da Coruña o convenio para o acondicionamento do polideportivo Campomaior. Unha actuación que ademais de modernizar e mellorar as ditas instalacións tamén suporá a adición dun novo ximnasio. O proxecto está orzamentado en 258.540 €, dos cales a institución provincial aportará 150.000 €.
Xosé Regueira Varela, deputado responsable da Área de Cooperación cos Concellos, foi o encargado de rubricar dito compromiso. Grazas a este tanto a poboación estudiantil como o resto da cidadanía poderán beneficiarse dunhas instalacións con maior capacidade e aptas para ofrecer máis servizos de calidade. Con esta nova intervención e a ampliación do inmoble para a instalación do ximnasio será posible desconxestionar algúns dos espazos onde habitualmente se desenvolve o programa deportivo municipal. Según o previsto as obras darán comezo na época estival, coincidindo coas vacacións académicas e o descenso de actividades programadas, evitando así ocasionar maiores trastornos ao CEIP Campomaior e ás persoas que realizan algunha actividade nestas instalacións.
Nesta infraestrutura, enclavada na zona noroeste do casco urbano de Ordes, levarase a cabo un aproveitamento da fachada actual, substituíndo a chapa existente por outra de minionda. O que será o novo ximnasio contará cun volumen de menor altura, humanizándose así o conxunto formado polo pavillón e a nova construción. O exterior rematarase cun aplacado de gres porcelánico seguindo a combinación cromática para integrar todo o conxunto.
No proxecto presentado polo Concello de Ordes e aprobado pola Deputación da Coruña constan labores de cimentación, saneamento, melloras na estrutura e nas cubertas, aillamentos e impermeabilizacións, revestimentos interiores e alicatados, pavimentos e teitos, carpintería, vidreiras, carpintería interior, instalacións eléctricas, barnices e pinturas, instalacións de fontanería, calefacción, sanitarios e griferías, xestión de residuos, controis de seguridade e saúde etc.
Senda da Brea
Por outra banda a Deputación da Coruña tamén vén de aprobar, dentro do seu Plan de sendas peonís 2016, o acondicionamento da senda da Brea, situada na zona de Mesón do Vento. O investimento previsto achégase aos 202.000 € para a construción deste trazado de máis dun quilómetro de lonxitude, o cal transcorre paralelo á estrada que comunica o Concello de Cerceda co núcleo de Mesón do Vento.
Por parte do Goberno Local de Ordes xa se lle transmitiu á Deputación da Coruña o seu máximo interese pola construción de beirarrúas, sobre todo naqueles tramos nos que se fan indispensables par poidan utilizalos veciños e veciñas que teñen reducidas nun grao elevado a súa capacidade locomitriz.